Sunday 05 de May de 2024

O Concello finaliza os traballos de reparación das cubertas do Estadio de Riazor


O investimento nos traballos ascende a 11.000 euros

O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Deportes, que dirixe Francisco Mourelo, informa das reparacións que o Goberno local está a realizar nas cubertas do Estadio de Riazor co obxectivo de actuar na parte máis danada polos últimos temporais, mentres non se inicia a execución do proxecto de reforma integral.
A actuación, que comezou a semana pasada e se prolongará ata mañá estivo condicionada polo tempo, debido a que a natureza dos traballos esixía unhas condicións meteorolóxicas óptimas.
As reparacións que se están a levar a cabo céntranse nas cubertas de pavillón e maratón, así como nunha zona de caneiro de maratón superior. O importe aproximado dos traballos ascende a uns 11.000 euros.
Súmanse a outras actuacións realizadas este ano, por importe de 10.500 euros que, co obxectivo de garantir o uso das instalacións en condicións de seguridade, consistiron en rehabilitación de parte da cuberta de Riazor afectada polos temporais do pasado inverno.
PROXECTO DE REFORMA INTEGRAL DE CUBERTAS
O Concello da Coruña está pendente da próxima adxudicación do proxecto de reforma integral de cubertas, un compromiso adquirido co Real Club Deportivo Da coruña nunha das reunións celebradas no marco da Comisión de seguimento do convenio entre ambas as dúas institucións.
Un total de 9 empresas presentaron as súas ofertas para executar uns traballos que consistirán, basicamente, na substitución dos elementos danados e a instalación de 14.000 metros cadrados de cuberta dun material moderno e de maior durabilidade e resistencia que o actual.
Cun prazo de execución de 2 anos, co obxectivo de compasar os traballos co uso ordinario das instalacións, e un presuposto de licitación de 2,9 millóns de euros, o Goberno Local ten como obxectivo levar a cabo unha reforma integral nas cubertas do Estadio, unha actuación que non se abordaba dende hai máis de 15 anos e que responde a unha vella demanda de club e afeccionados.